Tuesday 23 de April de 2024

Danza, música e moito humor co espectáculo “Sofá”, este xoves no paseo marítimo de Xubia


O Concello de Neda inaugura así o ciclo cultural “Miúdo Verán”, dirixido ao público familiar e con espectáculos gratuitos e sen inscrición previa

O programa Miúdo Verán arranca este xoves 21 de xullo no paseo marítimo de Xubia co espectáculo “Sofá”, no que a danza, a música e o humor son os grandes protagonistas. A actuación dará comezo ás 20 horas, dirixida a un público familiar, e non é preciso inscrición previa. Organizada polo Concello de Neda, o ciclo conta co apoio da Rede Cultural da Deputación, o programa Ler Conta Moito e Cultura no Camiño.

A obra, dirixida por Marcos PTT, está protagonizada por Marta Alonso e Pablo Reboleiro. Arranca cun sofá que se vai elevando a varios metros de altura. Un lugar no que descansa a parella e esquece o que está fóra -guerras, ameazas nucleares, catástrofes ecolóxicas, virus asasinos invisibles, pobreza…-. Así, traballando a través do contacto físico e emocional, grazas á singular percepción do movemento da compañía, esta peza convértese nunha aposta pola linguaxe do tacto, a beleza do particular e a capacidade do baile para elevar o cotiá ao sublime. Chega a Neda tras a súa estrea, a pasada fin de semana, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.